Thursday 16 de May de 2024

O alcalde entregou os certificados B1 e B2 de inglés aos alumnos dos cursos que organiza o Concello de Boqueixón


O prazo para matricularse nestes cursos estará aberto ata o 15 de setembro, e realizaranse a través do departamento de Cultura

O alcalde de Boqueixón fixo entrega dos diplomas que acreditan os niveis B1 e B2 de inglés aos cinco alumnos e alumnas que se presentaron aos exames da academia responsable do servizo neste mes de setembro. Ao longo de todo o ano, os profesores deste centro desprázanse a Boqueixón para impartir clases de inglés aos nenos e nenas desta poboación.
A matrícula para estes cursos de idiomas, que comezarán no mes de outubro e se estenderán ata xuño, xa está aberta e pódese realizar ata o 15 de setembro no departamento de Cultura do Concello de Boqueixón. Para realizar a inscrición é preciso solicitar cita previa a través do número de teléfono 981 513 115, ou escribir ao e-mail cultura@boqueixon.com.
As clases, divididas en diferentes grupos de infantil, primaria, secundaria e mocidade, terán lugar no CPI Antonio Orza Couto. En función das franxas de idade estableceranse diferentes horarios, así os máis pequenos –infantil e primaria- terán clase os luns e mércores entre as 15:30 e as 16:30 horas ou os martes e xoves de 15:30 a 16:30 horas. Pola súa banda, os grupos de secundaria e mocidade irán a clase os venres de 16:00 a 18:00 horas.
O custe desta actividade é de 25 euros ao mes, con descontos aplicados para familias que matriculen a máis dun fillo ou filla. Poden inscribirse nestes cursos todos os nenos e nenas que estean empadroados en Boqueixón ou que sexan alumnos dun centro educativo da localidade.
Esta actividade poderá modificarse ou suspenderse en función das circunstancias e da evolución da pandemia da Covid-19.